
O campus de Ourense acolleu este martes a apertura do proxecto Axenda 2030. Plan de localización dos ODS en oito municipios do rural ourensán. A iniciativa, financiada polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, agrupa en total oito concellos ourensáns liderados polo de San Xoán de Río e nela participa profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo.
O proxecto, destacouse no seu lanzamento, constitúe “unha iniciativa de grande interese e potencial para a revitalización do rural, que aborda os desafíos sociais, económicos e ambientais mediante a localización da Axenda 2030 en concellos de menos de 5000 habitantes e a súa integración nas estratexias municipais”. Mostra do seu interese, apuntan, obtivo a cuarta mellor puntuación entre as 576 candidaturas presentadas á convocatoria do citado ministerio, sendo unha das dúas únicas aprobadas en Galicia e a única da provincia de Ourense.

A cidade lusa de Porto acolle esta semana o lanzamento do proxecto de cooperación internacional EduFusion Network for Sustainable Growth. A Universidade de Vigo é un dos dez socios desta iniciativa que busca transformar a educación superior en Kazakhstán e promover o crecemento sostible neste país a través da colaboración entre universidades, industria e sociedade.
A Universidade de Vigo é a única institución española no proxecto e está representada nel por María Isabel Doval, profesora da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, que achega a súa experiencia en inclusión, diversidade e responsabilidade social. Xunto a ela participan os catedráticos e profesor da UVigo Marcos Arias, Óscar Rubiños e Fermín Navarro, “recoñecidos expertos en enxeñaría de telecomunicacións, aeroespacial e educación superior baixo o marco CBHE (Capacity Building in Higher Education)”.

A implantación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) converteu os traballos de fin de grao (TFG) nunha materia obrigatoria nos plans de estudos universitarios, dirixida a que o estudantado amose, dun xeito integrado, as diferentes competencias adquiridas ao longo da titulación. Porén, pese á relevancia desta materia para os futuros titulados e tituladas, non existen investigacións que analicen que factores poden incidir na súa cualificación, máis aló de estudos que sinalan a influencia do bo rendemento académico ao longo da carreira. Coñecer que variables poden influír na obtención dunha maior ou menor nota, tanto na avaliación do TFG que realiza o titor ou titora como na do tribunal, é un dos obxectivos centrais dun proxecto de innovación educativa desenvolvido na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que, tras a análise das cualificacións de 467 TFG, permitiu definir un conxunto de recomendacións para profesorado e alumnado.
“Hai moi pouca evidencia científica que explique porque o estudantado ten mellor ou peor cualificación no TFG e que variables poden explicar ese mellor ou peor rendemento”, explica o catedrático Carlos Lago, investigador principal dun proxecto desenvolvido ao longo de 2024 e realizado ao abeiro da convocatoria de proxectos de innovación educativa impulsada pola facultade. Xunto a Lago, Antonia Blanco, Ángeles Parrilla, Marián Fernández, Irene Crestar e Ezequiel Rey son as e os responsables dun traballo que analizou “a relación entre a cualificación que dá o titor ao TFG” e a outorgada polo tribunal, dado que este modelo mixto de avaliación é o predominante nas universidades españolas.